Galician

Poems by Sholeh Wolpé

Translated by Estíbaliz Espinoza

 

O mundo fai medrar muros de abruñeiro

Altos, tesos e espiñentos.
Tratade de chegar ao outro lado
e arríscádevos aos espiños bravos.

Nós, que deixamos a casa na adolescencia,
nenos que cruzamos límites e as súas mil
linguas dentadas esgazáronnos,
en que nos convertemos?

Nós que portamos feridas que florecen e florecen
baixo peles cicatrizadas,
onde é que imos?

Pregúntome
é o lar o meu espírito?

Ponse a miña roupa interior
dobrada con esmero no antigo arcón
con gabetas que mercara hai vinte anos?
Ou aniña na miña blusa que colga
desa percha de arame que quero desbotar?
Vai perdida entre os versos dos libros
ordenados alfabeticamente nunha lingua
que non é a miña? Ou aquí no bordo
desta cunca esportelada
dun amante que onde vai que marchou?

Por que nos chaman alien,
como se viñesemos doutros planetas?

Levo sementes na boca, planto
cúrcuma, cardamomo e pequenos
cogombros aromáticos neste xardín,
régoos coa chuvia que estrullo
das cancións da miña avoa.
Han medrar, seino, contra
eses muros de abruñeiro. Son máxicas.
Son quen de atravesalo todo,
sen esgazaren.

Marchei de casa aos trece.
Non vivira abondo para saber como
non amar.

A casa era o Mar Caspio, os bulideiros bazares,
o aroma do kebab e o arroz, comidas dos venres,
picnics xunta regatos de montaña.
Non tiña intención ningunha de marchar.

Pero dixéronme ti volve
e morrerás.

O exilio é unha maleta chea de significados. Inzo
centos de cadernos con garabatos.
E unha vez acabo bótoos no lume
e comezo escribir de novo; desta vez
tatuándome as verbas na fronte.
Desta vez, escribindo só para non esquecer.

A autocompracencia é contaxiosa
coma o catarro común.
Nado contracorrente para deitar as miñas ovas violetas.

Os espíritos mandan e os espíritos marchan,
pero eu escribo postais só para o futuro.
Que é unha árbore transplantada
máis que un ser de tempo
que se adaptou á adopción?

Dinme tira proveito desta terra,
pero mirade: os meus froitos penduran en espiral
e recenden a vellos cadernos e encaixes.

Se cadra é só no exilio a onde os espíritos chegan.
Choran e xemen nas portas do templo
alí onde me sento no bordo do abismo.
Pero mesmo isto é unha ilusión.
 
Cada día

ela érguese e algo mudou.
O loro na gaiola xa non fala inglés.
A fila de formigas esquivou o xarope.
O céspede cambiou de opinión
e agora inclina á esquerda.

A radio volveuse ópera, e os plátanos
fanlle as beiras aos amorodos.
O aire, sabotado de luz, agora enfía
dende o chineiro á gabeta
dos coitelos, e das lumieiras gotean follas.

Os corvos mollaron as coliñas en pintura branca,
a cabra anana namorou dun coiote,
e o amor, o amor avermellou tanto que as árbores dobran
as vizosas copas, tusindo sangue.

 
O verde de Irán

Non hai saídas aquí.
En Teherán por dentro e por fóra van pechas,
por riba e por baixo, enluxadas.

Así e todo, que verde é o verde dese ceo.
As nubes sangran este verde,
verdean o río, campos de arroz,
o musgo a medrar
nas penas das montañas de Alborz.

A terra dá a luz este verde
que as formigas acarretan polas
fendas dos muros do cárcere de Evin.
Os paxaros cagan verde
nos turbantes dos homes con barba.

Verde é o verde desta terra,
as ringleiras de álamos nos parques,
verde a tinta das cartas dos amantes
da man por calellos escuros
alí onde verde é a cor dos ollos,
o cheiro do po recén varrido.

Verdes as orellas dos xeranios
nos balcóns, e os pés
das rosas nas hortiñas,
e a cor dos estanques
poboados con peixes de escamas verdes
e ras que lle cantan
á noite soños en verde.
O amarelo ao azul

Ofrézolle a cada espírito
que se achega á miña cama
un pito,

catalogo cada trola
que contei,
pospoño todo asunto
urxente,

contrato carpideiras por se me dá
por saltar, rego
as flores murchas
das paredes do meu cuarto.

Non che hai calma
na paciencia,
nin inquedanza
no movemento.

Non podes impoñerlle o amarelo
ao azul,
e os adxectivos van fartos
de estar casados
cos nomes.

Quero poñerme Da-Da-Da
dicir NON
cunhas ghotas de si,
pintar horizontes
sobre os horizontes,

porque sei
que un río xamais deixa
de aloumiñarse
cara ao mar,

e os pitos non matan
a quen vai xa
morto.

O calafrío

No bordo da cama,
ese cavorco de soidades,
o soño retén o seu encanto.

El cínxese a ela por detrás,
as súas mornas mans acariciándolle os peitos,
a curva do seu van,
os ósos en arco dos seus ombros,

béixalle a caluga,
mergulla a cabeza nos seus cabelos como un home
que tivese visto as escuras estadeas da néboa.

Ela quere esmagar
esta dor, darlle
os leóns da súa gorxa,
os cisnes das coxas,
esas lobas súas das cadeiras

pero a súa pel berra non, os ósos
nin se inmutan e a lingua refúgao.

Cando el se aparta, un vento glacial interponse
esperta un calafrío que aterece
e trinza as súas vidas en
mil lascas irrecuperables.
 
Cantáronme a este mundo

Cheguei a este mundo na mesma cama
na que logo durmiría de nena.
A miña tía, comadroa, grandes ollos castaños,
cicatriz coa forma do sol na fazula,
sentouse ás portas do ventre de mamá
e cantoume a este mundo:

Biyakoo-choo-loo, Beeya a-zizam
InjahkhayliGhashangeh, BeeyaBeeya
Beeyakoo-choo-loo, Beeya a-zizam
Noor ast o avaz, eshgh o mah
BeeyaBeeya
Ghal-bemoonshokoo-fehkar-dehbarayehtu
Tooleshnadeh
BeeyaBeeyaBeeyaBeeyaBeeyaBeeya

Vén, meniña, vén cariño.
Isto é marabilloso, vén, vén.
Vén, meniña, vén cariño
Temos cancións, luz, unha lúa riquiña e amor
vén, vén
Aquí andamos cos corazóns en flor para recibirte.
Non tardes, anda,
vén, vénvénvénvénvénvén.

Tal foi a canción que seguín para vir a este mundo.
Hoxe, pálida pola idade e o cancro,
a miña tía despregou as súas ás de zafiro.
Séntome na súa cama, fágolle prometerme
que virá por min cando sexa a miña hora,
para cantarme á outra vida
coa mesma canción.

 

Védeos vir

Velaquí están os polbos da guerra
tentáculos a empuñaren armas, misís
libros sagrados e rechamantes bandeiras.

Non cargues a pluma coa súa tinta.
Escribe coas unllas, rabuña
a luz sobre estes días en tebras.